Kër – casa

O luns asistín á proxección aquí no barrio dunha película documental sobre inmigrantes senegaleses e a venda ambulante. Titúlase Kër (Casa).

No sentido común do termo, kër significa casa en wolof. Pero nun significado máis amplo, engloba á esposa e ás fillas e aos fillos. Para nós mesmo ten connotacións maiores até incluír a toda a xente que vive na casa, en xeral son familiares.

Kër é unha palabra polisémica, tamén significa responsabilidade. Dalgún xeito, toda a xente que vive baixo un mesmo teito depende de un cabeza de familia. O pai de familia é o que ten que facerse cargo de todas as necesidades dos membros da familia. O fillo maior será o seu substituto, e empeza a asumir responsabilidades a partir dos dezaoito anos de idade ou antes. Debe estar preparado.

Son as necesidades da kër as que empurran ao pai de familia ou a seu fillo maior a emigrar. Eles teñen sentido da responsabilidade. A emigración é unha aventura, e por iso normalmente son os homes os primeiros en emigrar. E ao chegar a Europa, o normal e ter que dedicarse a venda ambulante mentres aprenden o idioma e buscan un traballo mellor.

No coloquio posterior á proxección, Samba, un dos protagonistas, dixo que ao principio pasárao tan mal que un día chamou ao pai para dicirlle que ía volver a Senegal. O pai non o deixou. E Samba queixase. Pero temos que entender aos dous.

Para o pai, o regreso de Samba tivera sido un fracaso da familia, económico e moral. Samba saíu asumindo a súa responsabilidade, pero si regresaba coas mans baleiras non solucionaba ningún problema á familia.

O que lle sucedeu a Samba é moi habitual. Puido pensar que sería fácil saír do Senegal, chegar a Europa, encontrar un bo traballo, gañar cartos, levalos para a casa, arranxar os asuntos da familia e despois comprar unha casa propia. Samba está decepcionado porque as cousas xa non suceden así.

Emigrar é sufrir. E inda que moitos contan o sufrimento que pasan en Europa, ti velos que veñen con algo de cartos e volven marchar e volven vir con un pouco más, e deixas de pensar no que che contaron de sufrir e queres saír ti tamén.

Emigrar é sufrir. É lóxico que algúns mozos non reparen niso, todos estamos dispostos a sufrir se consegues levar algo de cartos para alá, para axudar na casa.

O significado da palabra kër encolle. Hai moitos mozos que xa din abertamente que eles non poderán asumir (mesmo se quixeran) a responsabilidade que asumiron seus pais.

Isto obedece a cambios na estrutura económica que fan que as familias tamén encollan. Até non hai moito tempo, o poder económico da familia medíase polo número de fillos: a máis fillos, máis man de obra. Isto pasaba no mundo rural. Mais hoxe, o modo de vida das cidades está trasladándose tamén ao rural. O que quero dicir é que agora faise preciso comprar todo, ir a tenda para comprar comida, roupa e case todo o que cubre as necesidades e que antes se producía na casa. Agora os fillos son unha carga, non unha axuda.

Cando eu era neno pola noite xantaba cuscús e reservaba algo para o almorzo. Hoxe os nenos precisan un pouco de diñeiro para comprar algo para o almorzo na escola. Sucede que as necesidades aumentaron. A responsabilidade estoupa en parte por iso. Si eu dou para manter aos meus fillos, pode que xa non dea para manter tamén aos do parente que vive na mesma casa.

A Samba diríalle que lle toca sufrir, coma antes sufriron os seus. É preciso sufrir para chegar a conseguir algo. A vida dos pobres é así. Diríalle que non se enfade co pai, que o seu pai fixo o que faría calquera outro pai: axudar ao fillo a que se enfronte ás dificultades. Emigración é valentía. Asumir as túas responsabilidades (kër) tamén é valentía.


 

Deixar un comentario