Que significa ser negro?

Eu agora son un negro un pouco menos negro porque acabo de recibir os papeis da nacionalidade despois de 16 anos aquí e de tres longos anos de trámites unha vez que cumprín os requisitos. Son un negro cidadán con liberdade de circulación e acceso aos servizos públicos universais. Un pouco menos negro, pero non renego dos outros negros.

 

Ser negro é ser un descoñecido. Aquí, hoxe, neste país, en Galiza, ser negro é ser cualificado como unha persoa sen intelixencia, sen cultura, unha besta. Un home que ten que estar na parte baixa, un ser inferior do que servirse, un escravo. Hoxe din que non nos queren, pero cando se precisa facer un traballo duro, aí estamos nós, as bestas. Son traballos que non querería ninguén que tivese outra alternativa. Facemos traballos perigosos, con risco de morte ou de contraer enfermidades graves. Non lle quitamos traballo a ningún nacional, facemos o que ninguén quere facer. E só contan con nós para traballos duros. Non contan para outra cousa. A nosa vida aquí está limitada ao traballo escravo.

 

Ser negro é levar enriba unha historia de escravitude. Así nos ven, pero eu véxome doutra maneira: coma unha persoa normal, igual cas outras. Son alguén natural, sinxelo e humilde.

 

Ser negro no mundo global é permanecer baixo a visión europea dos demais continentes. Europa non nos coñece moito, pero impón unha visión sobre nós. Seguen pensando que somos xente a explotar e que vivimos nun territorio que lles pertence e que poden espoliar. O peor é que Europa conseguiu contaxiar esa visión aos propios negros africanos, e dividiunos en clases, agora hai negros ricos e negros pobres, e conduciu ás sociedades e aos Estados africanos a ser eles mesmos quen dirixan a explotación dos homes e dos recursos. Vivimos nunha alienación cultural: pel negra, casco (mentalidade) branco…

 

Ser negro en África e educar os teus fillos como homes é confiar en ti mesmo, recoñecerse negro e borrar esa mentalidade que subestima o noso e só aspira a ser como os brancos. Ser negro e educar aos teus fillos é facerlles comprender que non son inferiores e borrar neles calquera complexo de inferioridade. Ser negro é confiar na única arma que temos contra todo iso: a educación. Contra a colonización da cultura e das mentes a través da cultura, só podemos loitar contra iso usando a educación e ampliando os niveis de ensino a toda a poboación.

 

Ser negro, en xeral, é ser pobre. Ser negro, en xeral, é ser vítima. Unha vítima da colonización e da explotación capitalista.

 

Ser negro fillo de emigrante en calquera cidade europea significa ter unha pequena oportunidade. Igual vente antes como persoa que como negro. É normal. As crianzas negras son diferentes dos pais, son integradas no proceso educativo, e se teñen sorte, a próxima xeración de nenas e nenos serán antes galegas e galegos que negras e negros. Hai unha esperanza niso e viaxa no carriño dos bebés que reciben agarimos dos seus veciños brancos. Pero aí tamén haberá unha perda. Aínda que non vivan nun apartheid como nos Estados Unidos, empezarán a abandonar as nosas culturas, as culturas negras.

 

Ser negro e mirar o futuro é ver que o presente non se arranxa fácil. É crer que haberá unha evolución, co tempo… mentres, seguirémonos defendendo con dignidade porque aínda ninguén nos escoita en debates fundamentais para o futuro do planeta e dos seus habitantes.

[artigo publicado no SERMOS GALIZA o 27 de marzo de 2019: https://www.sermosgaliza.gal/opinion/cheikh-faye/que-significa-ser-negro/20190326211829077452.html]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s