Leccións francesas

  1. Emerxencia do novo

Un ano despois da súa fundación, En Marche! gañou este domingo a primeira volta das eleccións presidenciais en Francia cun 24% dos votos. En España, Podemos, creado a principios de 2014, converteuse nunha alternativa de goberno tralas eleccións xerais de finais do 2015, e aínda que non conseguiu superar ao PSOE nos comicios de xuño de 2016, sumou o 21% dos votos e aparece hoxe como a principal oposición ao PP tras a fractura no PSOE ao entregar o goberno a Rajoy.

En Marche! e Podemos teñen pouco que ver en canto a programas políticos, pero si un denominador común: son forzas moi novas que emerxeron ata posicións de poder moi rapidamente.

En realidade, En Marche! e Podemos, os seus apoios sociais, xestáranse moito antes. En dez anos (2008-2017) os partidos tradicionais que viñan alternándose no poder (Republicanos e Socialistas, en Francia; PP e PSOE, en España) foron incapaces de dar unha resposta á crise económica. Os cidadáns empezaron a buscar solucións noutras forzas políticas. En Marche! e Podemos comezaron sendo movementos sociais que cuestionaban precisamente a representatividade dos partidos establecidos.

Os novos chegaron para quedar. A diferenza é que Macron recibiu o apoio dos partidos tradicionais para frear á fronte Nacional, mentres que Pablo Iglesias provocaba certo temor polas súas posicións políticas entre os socialistas de dereitas cando se deu a posibilidade de que Podemos entrase no goberno.

  1. Emerxencia do racismo

O bo resultado da Fronte Nacional, cun 21,3% dos votos, responde en parte á constatación de que a crise económica puido cos partidos tradicionais, pero tamén a que Marine Le Pen xogou coa carta da inseguridade. A serie de atentados que sufriu o país nos últimos anos creou un clima favorable a posicións fortes e abertamente racistas como as da Fronte Popular. Poida que a crise económica e o terrorismo sexan dous fenómenos que se alimenten mutuamente. Claro que os medios sempre identifican os atentados coa relixión.

E nisto parécense Le Pen e Donald Trump. Ambos utilizaron a crise, por unha banda, e a inseguridade, pola outra, para ofrecer aos votantes explicacións simples sobre o que está a pasar: a culpa téñena os estranxeiros. En sociedades onde o racismo está moi arraigado, explicacións deste tipo son fáciles de aceptar.

Por que non opera ese discurso en España? Quizá porque, a diferenza de Francia ou EE.UU., España deixou de ser un país atractivo para os inmigrantes, porque son os españois (vémolo cada día en Galicia) os que ven obrigados a saír. Hai un grave problema de paro, pero as solucións que se buscan aquí atópanse collendo a maleta. Os inmigrantes que se quedaron sen emprego e os mozos españois que nunca o atoparon. En Galicia volvemos á situación de hai décadas. Somos un país de emigración. Somos menos ricos, somos menos racistas.

  1. Crise dos partidos tradicionais

En Francia, os Republicanos e os Socialistas quedaron relegados na primeira volta. Non pasara no últimos sesenta anos. En España, PP e PSOE, a pesar da súa constante perda de apoios, son forzas de goberno.

O apoio a Fillon esborrallouse pola súa implicación nun caso de corrupción. No caso dos socialistas, a caída podería explicarse polo fracaso de Hollande. O PS perde militantes que reforzan á nova esquerda de Melenchon, que triplica en apoios aos socialistas. En Francia, esa nova esquerda si superou aos socialistas. Pero é unha vitoria pírrica. Os electores de esquerda quedan sen un candidato para a segunda volta.

En España, nin a corrupción nin os recortes sociais supuxeron ata o momento unha retirada masiva de apoios ao PP. Con todo, o PSOE acusou máis a súa mala xestión de goberno. Os socialistas parecen sufrir en Francia e en España un maior castigo por parte dos seus votantes, que quizá os abandonen definitivamente.

Niso parécense as crises dos partidos socialdemócratas tradicionais que fai apenas vinte anos sostiñan os gobernos de media Europa. Os socialistas sufriron unha hecatombe en Francia e teñen razóns para temela en España dada a forte división actual do partido.

En canto ás forzas liberais, os resultados de Macron e Fillon son moi parellos (a diferenza está en 1,4 millóns de votos). Pero Macron pode ser presidente. En Francia a substitución está servida. En España, a diferenza entre o PP e Cidadáns é de case 4 millóns de votos. En parte por iso resisten Rajoy e o PP no medio de escándalos de corrupción e pobreza xeneralizada, porque a substitución desde outro partido aínda está verde.


Aquí deíxovos a ligazón a un artigo que publiquei no Sermos Galiza o sábado pasado, o día anterios ás votacións: O que vai pasar, pase o que pase con Le Pen.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s