O home libre que eu non son

fillo CheikhPresentín naquela ollada un fondo cariño. Era un pai que miraba o seu fillo. Un pai galego e un neno galego cos trazos e a cor dos nenos de outras terras de moi lonxe. Pensei no meu fillo cun cariño fondo como o daquel pai. Hai xente boa no mundo, pensei, que leva adiante actos de substancial humanidade. Ao día seguinte ía poder abrazalo, o meu fillo. Sentín unha agulla no peito. Eu nunca sería quen de entregalo en adopción, nin sequera a un home bo como este pai galego. Terminei o café e marchei matinando á présa nas razóns.

As mulleres e os homes que adoptan crianzas son admirables. Probablemente son as xentes máis sensibles e con máis coraxe fronte á dor do mundo. Nalgún momento tiveron que resolver un dilema entre o ben e o dano que causarían. Un dilema que lle vén dado pola cultura á que pertencen. Para min, a ruptura sería insufrible. Non hai dilema no caso das familias pobres do Sur físico ou social: se hai ruptura, hai sufrimento.

En xeral, cada nena e cada neno adoptados por unha familia do Norte é unha perda para unha familia do Sur. Unha boa acción que provoca unha dor. Falar disto resulta incómodo para todos. Eu estou aquí, renunciando aos meus fillos, para non os perder. Teño amigos que trouxeron os seus fillos e pensaron que aquí se botarían a perder e botarían a perder a familia.

A familia é a nosa unidade de vida. O ben básico. Por ela estamos aquí. Se hai que salvar algo, son as familias; e se hai que sacar as xentes dalgún sitio, non é do seu lugar, é da pobreza. Todos os pais do mundo queremos o mesmo para os nosos fillos: contextos de paz e tranquilidade, esperanzas certas de que cheguen a desenvolver unha vida mellor. O primeiro acto de humanidade debería ser atender os bens básicos que desexa protexer cada comunidade no mundo máis alá deses dereitos xenéricos como individuos. Dereitos que non impediron a dominación. Falar diso pode resultar incómodo, mais é preciso que nos escoitemos.

Hoxe abrazo o meu fillo e penso nel coma o home libre que eu non son.


Artigo publicado no Sermos Galiza o 18 de xaneiro de 2017: http://www.sermosgaliza.gal/opinion/cheikh-faye/home-libre-eu-non-son/20170117172148054228.html

5 Comments

  1. É moi emotivo este post. Tócanos a parte máis sensible. “se hai que sacar as xentes dalgún sitio, non é do seu lugar, é da pobreza” estou de acordo con esta frase.
    Pero quedo desconcertada con iso de que cada adopción causa unha dor… Eu coñezo unha familia que adoptou un rapaz chines. Fáltanlle os dediños dunha man. Ese neno non tiña pais, abandonárono, probablemente pola súa minusvalía, quizáis lle vían un futuro terrible. Os pais adoptivos déronlle o amor duns pais, os coidados. Recibe a mesma educación ca outro neno neste país. Ten amigos, xoga ao fútbol. Un día irá á Universidade. Desenvolverá o seu potencial. Ou non. coma calquera outro neno.
    Eu non vexo onde está a dor para ninguén. Mesmo os seus pais biolóxicos que no seu momento se desprenderon del alá lonxe, na China, estarían contentos se o visen rindo e feliz.

    Liked by 1 person

  2. A non ser que te refiras á dor da “renuncia” por non poder crialo… pero esa dor non é transferible á adopción posterior, queda concretada no acto mesmo da decisión previa, moitas veces anos antes de producirse a adopción. Moitos rapaces e rapazas non teñen quen os adopte e pasan a infancia e adolescencia en centros de acollida, ou de familia en familia coma unha pataca quente que ninguén quere termar dela.

    Liked by 1 person

    1. Comprendo o que dis. Falo desde a miña posición de pai africano. A miña dor sería, claro, a provocada pola renuncia. Pero sei que os pais adoptivos tamén quitan dor do mundo. Seino. Por iso penso: “todos os pais do mundo queremos o mesmo para os nosos fillos”… tamén os adoptivos. Haberá que seguir dándolle voltas as cousas para chegar a acordos desde o sentimento de pai e de nai.

      Liked by 1 person

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s