De hoxe nun ano

cheikh aniversHai case un ano que empecei este blog. Hoxe boto unha ollada atrás.

Non hai traballo

O 2015 foi un ano duro desde o punto de vista económico. Foino tanto para os galegos como para nós os inmigrantes. Segundo o CIS, a primeira preocupación da xente é o paro. En Galiza, a taxa de desemprego está no 17,7%. Boa parte dos galegos teñen dificultades para chegar a fin de mes. Para nós, os inmigrantes, vendedores ambulantes, a perda de poder adquisitivo dos cidadáns nótase nas vendas. Hai moitas menos. Traballamos para sobrevivir con moi poucas ganancias. Parte da comunidade senegalesa empezou a regresar ao país. Pasa tamén cos latinoamericanos. Outro problema da venda ambulante é a competencia pola saturación do mercado e a proliferación das tendas de chineses. Estamos a vivir con moitas dificultades a situación económica. Primeiro, non hai traballo. Segundo, a venda ambulante (á que en xeral nos dedicamos) dá moi poucos beneficios.

Non hai xente moza e non chega de fóra

Esta crise económica e financeira desde o 2007 afecta tamén á demografía en Galiza. Segundo as estatísticas oficiais, Galiza perdeu 12.750 habitantes en 2015, e nos tres anteriores máis de 25.000. A crise, a emigración a outras comunidades e ao estranxeiro, e o abandono do rural levaron ao país a un punto de deserto demográfico. Xa vos contei nalgunha ocasión a anécdota. Cada vez sucédeme en máis feiras. Cando se achega algún pai cun neno pequeno a comprar algo e dígolle ao neno: ‘Tes que levar algunha cousa para o teu irmán’. A resposta é case sempre a mesma: ‘Non teño irmáns’. Os seus pais din que xa non queren máis fillos por mor da situación económica. Hai unha ameaza real para a substitución xeracional. Hai datos que advirten que Galicia necesitaría uns 20.000 inmigrantes novos cada ano para paliar os seus problemas demográficos. Chegan moi poucos. O saldo migratorio é negativo.

Non hai goberno

No plano político, o balance deste ano, é que as cousas están peor que entón. Estamos en crise política porque desde o 20 de decembro non hai goberno no Estado. Boa parte dos españois desmarcáronse dos partidos tradicionais, do PP e do PSOE. Nas eleccións irromperon Podemos e Cidadáns. A maioría dos traballadores e dos mozos ven o futuro con incerteza. Nós os inmigrantes vémolo igual.

Penso que os gobernos teñen que facer máis esforzos para a conciliación de traballo e vida familiar, acometer políticas de axuda ás familias a partir do segundo fillo ata que sexa maior de idade como media para estimular os nacementos e frear o declive demográfico. Faría falta unha reforma laboral que tivese máis en conta a defensa dos traballadores, pensar en pór en marcha unha renda básica universal (algo que empezará a facerse en Finlandia o ano que ven) para espertar esperanza nos traballadores e entre a mocidade.

No plano persoal, o balance destes últimos doce meses é que sigo resistindo. Loitando. Non sei o que pasará de aquí a un ano. Pero, por agora, eu véxome igual. Desde o 2008 o servizo de emprego non me chamou para un traballo. Espero que polo menos a situación para os inmigrantes mellore un pouco se hai un novo goberno. De hoxe nun ano, cóntovolo outra vez.


 

4 Comments

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s