A Coruña-Gade-A Coruña

pelicanos

Para viaxar a Senegal os mellores meses son novembro, decembro e xaneiro. Son meses fríos alí. En realidade, fai calor. Moita calor para alguén que coma min vive o resto do ano en Europa. Xa non estou afeito a aquelas temperaturas e en calquera outra época do ano, sufriría. Tamén son meses bos porque aquí, en Europa, baixa a actividade na venda ambulante ou na pesca.

A principios de xaneiro, despois de tres anos sen poder ir a casa, fixen de novo a viaxe de volta.

Levei comigo 33 quilos de equipaxe, dez na man e 23 na maleta, nin un máis. Son as normas. Tiven que deixar algunhas cousas no maleteiro do coche dun amigo antes de embarcar en Alvedro. Algunhas colonias, cremas e un litro de aceite de oliva. Necesito aceite de oliva polo asunto da dieta. No Senegal é moi caro, tres veces máis caro que aquí. A vez anterior, que ía para tres meses, levei quince litros. Desta fun con nove. E, o resto, cousas para os nenos. Roupa e algún regalo. Vinos crecer por fotos. Falando por teléfono. Quixen que fora unha sorpresa.

O de Madrid é un dos aeroportos de Europa onde as compañías concentran máis voos cara o Senegal. E vía Dakar viaxan tamén moitos guineanos e gambianos. Cando entras no avión ves que son (somos) todos migrantes de volta a casa.

Son unhas catro horas de voo. Xa era noite cando chegamos. No aeroporto de Dakar a xente xúntase para partillar un coche cara a o seu destino. Hai que buscar o grupo de Diourbel. Vou nun coche, unha furgoneta, con catro persoas e o condutor. O taxi ata Touba costa uns cen euros, pero non todos pagamos o mesmo. Eu baixo antes, en Bambey. De tres horas, eu fago dúas. A xente vai cansa e se fala pouco. A maioría vimos de España. Falo cun home que regresa dunha viaxe a España para cubrir os trámites dunha pensión. Está quedando cego. Ten a nacionalidade e recibe unha pequena axuda. Pero cada ano ten que facer a viaxe. En Bambey collo outro taxi. Son 25 quilómetros. Vinte euros ata Gade. Cheguei de madrugada.

En próximos post contareivos como andas as cousas por alí. Pero xa estou de novo na Coruña. Volvín á chuvia e o vento. As miñas fillas non o crían cando lles dicía que aquí está chovendo e hai vento frío en xaneiro. De volta vin menos cargado. Unha maleta e un saquiño. Saín o venres pasado de Gade nun carro tirado por un cabalo. Fun a Gawane, unha aldea preto de Gade, onde había feira e saudei a parentes e amigos. É o costume. Cando alguén ven de visita ten que facelo. Despois tomei un bus ata Bambey e logo outro ata Dakar. Parei na casa de Mamadou. Xa sabedes que é un vello amigo que me arranxa moitos trámites na capital. Ten un bo traballo na Nestlé. En poucos anos xubilarase, alá o retiro é aos 55. Sabe como andan as cousas por aquí. A crise tamén se nota no Senegal. Pero cando menos á política está menos revolta e a xente parece que está máis contenta con Macky Sall, o presidente desde 2012. Daquela, cando o elixiron, eu xa estaba de volta na Coruña. O sábado estiven con Mamadou, e pola noite collín o voo ata Madrid. O domingo ao mediodía cheguei á Coruña cun compatriota mozo que leva un ano traballando na pesca. Foi quen me dixo que Zidane era o novo adestrador do Real Madrid.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s